Nova
Belén do Campo destaca o éxito da campaña de verán dos campamentos inclusivos na visita ás últimas quendas no albergue xuvenil de Gandarío
A delegada da Xunta destacou que o obxectivo principal destes campamentos é fomentar as habilidades sociais, o contacto co entorno natural e mariño, o coñecemento da cultura propia e a educación para a saúde nunha contorna de convivencia e socialización
Bergondo (A Coruña), 8 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, María Blanco, visitou esta mañá as instalacións do albergue xuvenil de Gandarío, en Bergondo onde se están a desenvolver os últimos dous campamentos específicos da campaña de verán dirixidos a persoas con discapacidade. Esta visita serve para poñer o colofón a unha exitosa tempada que se desenvolveu ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro en toda Galicia, e que nestes días chega á súa recta final coas últimas quendas activas.
As actividades que agora rematan estaban destinadas a dous grupos de idade: un para mozos entre 19 e 25 anos e outro para adultos de 26 a 50 anos.
A modalidade destes campamentos foi “Natureza xunto ao mar”, un programa que deu comezo o pasado 3 de setembro e que se prolongará ata o próximo sábado 12 de setembro. O obxectivo principal foi fomentar as habilidades sociais, o contacto co entorno natural e mariño, o coñecemento da cultura propia e a educación para a saúde nunha contorna de convivencia e socialización.
Segundo explicou a delegada, esta iniciativa formou parte dunha ampla oferta de 14 campamentos específicos que a Xunta de Galicia desenvolveu durante todo o verán en toda a comunidade. No caso concreto do albergue de Gandarío, celebráronse catro quendas en agosto e estas dúas últimas no mes de setembro, que agora están a piques de finalizar.
Campamentos inclusivos 2026
Durante a súa visita, Belén do Campo destacou a formación específica que o Goberno galego ofreceu ao persoal monitor destes campamentos, en colaboración coa Federación Autismo Galicia. Esta preparación estivo deseñada para dotar aos profesionais de máis ferramentas na atención a persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), reforzando así o compromiso da Xunta coa atención á discapacidade e buscando mellorar continuamente a experiencia dos participantes ao longo de toda a campaña.
Ademais do seu carácter inclusivo e socializador, este programa serviu como unha ferramenta de conciliación familiar, ofrecendo descanso e apoio ás familias que, en moitos casos, son as responsables do coidado directo das persoas participantes durante o resto do ano. As actividades desenvolvéronse durante un período de 10 días en residencias de ocio e tempo libre xestionadas pola Xunta de Galicia. A oferta total ascendeu a 250 prazas distribuídas en tres instalacións da rede de tempo libre da Xunta: o Albergue Xuvenil Gandarío, en Bergondo (A Coruña); a Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán (Pontevedra); e a Residencia de Tempo Libre de O Carballiño (Ourense).
Puideron solicitar praza nestes campamentos as persoas que teñan recoñecida a condición de persoa con discapacidade, cunha idade comprendida entre os 11 e os 50 anos, e que presentasen calquera tipo de limitación ou necesidade especial. Os requisitos para participar incluían ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, estar empadroado nalgún concello de Galicia, non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, ter unha capacidade mínima de comunicación e participación nas actividades, e ter unha mobilidade acorde coas características da instalación solicitada.
A estancia incluíu todos os servizos necesarios para o desenvolvemento adecuado das actividades: aloxamento en albergue ou residencia segundo o destino solicitado, mantemento en réxime de pensión completa, programa de actividades de animación sociocultural, material necesario para as actividades, equipo técnico especializado en animación sociocultural, actividades de tempo libre e náuticas, atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes. Esta iniciativa forma parte do compromiso do Goberno galego por promover a inclusión social e a igualdade de oportunidades para todas as persoas, independentemente das súas capacidades, ofrecendo experiencias de lecer e tempo libre adaptadas ás súas necesidades específicas durante toda a tempada de verán.