Nova
A Xunta mellora as escolas infantís do Porriño pertencentes á rede pública autonómica de cara ao inicio do novo curso escolar
Destínanse 60.000 euros a estas intervencións, que teñen como obxectivo mellorar tanto a eficiencia enerxética como o confort das instalacións
O Porriño (Pontevedra), 24 de agosto do 2026
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou hoxe o avance nos traballos de mellora que se están a executar durante este verán nas dúas escolas infantís do Porriño que pertencen á rede pública autonómica: a do polígono de Torneiros e a da rúa Doantes de Sangue. A Xunta destina 60.000 euros a estas dúas actuacións, que se prevé que estean listas coincidindo co inicio do curso escolar, o 4 de setembro.
Perfecto Rodríguez, que visitou os centros acompañado do alcalde do concello, Alejandro Lorenzo, destacou que as intervencións permitirán mellorar o benestar e comodidade do persoal e alumnado dos centros. Así mesmo, destacou a importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para poñer á disposición das familias unha rede de equipamentos da máxima calidade. Neste caso, o Consorcio financia as intervencións e o Concello encargouse de contratalas e do seu seguimento.
O obxectivo dos traballos é renovar os materias obsoletos e as prestacións nos dous inmobles, mellorando o illamento térmico para evitar humidades e aumentar o aforro enerxético. Así, na escola infantil de Torneiros invístense máis de 48.000 euros na reforma integral da cuberta e das baixantes de parte do inmoble. Tamén se actúa nas zonas comúns de acceso e de usos múltiples, co cambio da iluminación e do falso teito.
Pola súa banda, o centro localizado na rúa Doantes de Sangue, mellóranse os acabados interiores dos espazos de comedor, cociña e despensa. Así mesmo, instálanse mosquiteiros para mellorar as condicións hixiénico-sanitarias e de confort. O custo das obras nesta escola é de algo máis de 12.000 euros.
Estas intervencións dan continuidade a outras xa acometidas nestas dúas escolas. De feito, este é o terceiro verán en que se levan a cabo traballos de mellora nelas.