Nova
A Xunta destaca o labor de Amicos na integración dos seus usuarios en proxectos medioambientais de primeiro nivel
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou o centro residencial da entidade e participou nun programa de conservación mariña
Boiro (A Coruña), 19 de agosto de 2026.
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe a aposta de Amicos pola plena integración dos seus usuarios na comunidade, facéndoos partícipes de proxectos medioambientais de primeiro nivel, que xa foron recoñecidos e premiados a nivel estatal e europeo. Fíxoo tras visitar o centro de atención integral de Amicos en Boiro e participar nun programa para a conservación dos fondos mariños que desenvolve a entidade.
Begoña Abeijón sinalou que Amicos sempre contará co apoio da Xunta de Galicia para mellorar os seus servizos e para o desenvolvemento de programas que fomenten a inserción social e laboral dos seus usuarios. Precisamente, a directora xeral e representantes de Amicos embarcaron no porto de Aguiño (Ribeira) para colaborar con eles na plantación de laminarias nas proximidades da Illa de Sálvora. Este proxecto conta co apoio do Executivo galego a través de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF.
Con anterioridade, Begoña Abeijón, visitou o centro residencial de Amicos, que dispón de novo equipamento tecnolóxico grazas aos 600.000 euros destinados pola Xunta para este fin. A esta achega súmanse os 1,2 millóns de euros investidos na súa construción e outros 2,2 millóns de euros anuais para o financiamento dun centenar de prazas residenciais que a entidade ten na comarca do Barbanza.