Nova
A Xunta abre o prazo para inscribirse no programa ‘Xuntos polo Nadal’
Os interesados teñen ata o vindeiro día 26 de novembro para anotarse nesta iniciativa, dirixida a persoas maiores que viven soas e queren pasar estas festas en compañía
Ofértanse 270 prazas nas Residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia ten aberto desde hoxe e ata o vindeiro día 26 de novembro o prazo de inscrición no programa Xuntos polo Nadal, dirixido ás persoas de 60 anos ou máis que estean soas e desexen pasar estas datas acompañadas. Ofértanse un total de 270 prazas nas Residencias de Tempo Libre do Carballiño (130 prazas) –para os solicitantes das provincias de Pontevedra e Lugo– e de Panxón, en Nigrán (140) –para os participantes procedentes das provincias da Coruña e Ourense–.
Este programa levarase a cabo entre o día 23 de decembro de 2025 e o día 7 de xaneiro de 2026, en tres quendas diferentes, das que só se poderá elixir unha: do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (16 días), do 23 ao 30 de decembro (8 días) ou do 31 de decembro ao 7 de xaneiro (8 días). Inclúese aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, desprazamento en autobús ata as residencias e viaxe de regreso, e actividades de animación sociocultural.
Os requisitos son ter 60 anos, estar empadroado en Galicia, vivir só no domicilio e non ter con quen pasar as datas do Nadal, así como valerse por si mesmo, entre outros. Para a selección das persoas participantes daráselle preferencia a aquelas que perderan o seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos dous anos, ás que teñan máis idade e ás que non participaran nas edicións anteriores.
As solicitudes para inscribirse en Xuntos polo Nadal poden realizarse preferentemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar de maneira presencial. As peticións de praza deben ir acompañadas da declaración responsable e do informe social que figuran nos modelos oficiais da convocatoria.