Nova
A Xunta destaca os proxectos pioneiros en materia de inclusión social impulsados polo Centro de Desenvolvemento Rural O Viso
Os directores xerais de Persoas con Discapacidade e Inclusión visitaron o centro de día da entidade e o xardín sensorial
Xinzo de Limia (Ourense), 3 de decembro de 2024
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e o director de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitaron esta mañá as instalacións do Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso. O obxectivo deste encontro do encontro foi coñecer os proxectos e iniciativas que están levando a cabo e as vías de colaboración que a Xunta mantén coa entidade.
Na súa visita, os directores xerais percorreron as instalacións do centro de día Lodoselo, que presta atención terapéutica integral e plural a persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela.
Ademais, tamén puideron coñecer o proxecto pioneiro Horta e xardíns dos sentidos, pensando como un espazo sensorial para traballar a vista, o gusto, o oído e o olfacto e que inclúe indicacións con paneis para persoas invidentes. Esta actividade está enmarcada no programa Capacidade Inclusiva, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade a través da subvención con cargo ao IRPF.
Os directores xerais puxeron en valor os proxectos pioneiros impulsados polo Centro de Desenvolvemento Rural O Viso nos últimos anos e destacaron a colaboración da Xunta con esta entidade, que suma preto de 900.000 euros no financiamento de inciativas de transporte adaptado ou envellecemento activo e inclusivo no rural a través de 13 programas para a agrupación de Centros de Desenvolvemento Rural de Euroeume, Ancares, Portas Abertas e este do Viso.