Obxectivos
O obxectivo central na actuación da Consellería de Política Social nesta materia é o axeitado desenvolvemento persoal e a integración familiar e social dos nenos, nenas e adolescentes. As medidas de prevención deben aplicarse desde un enfoque universal dirixidas a todos os menores, presenten ou non problemáticas específicas, aínda que cunha intensidade diferente.
Polo tanto, na atención á infancia e adolescencia teñen carácter prioritario as actuacións dirixidas a previr posibles situacións de desprotección ou conflito social nas que se poidan atopar, cobrando especial importancia a detección temperá. Unha vez que se detecta que un neno ou nena pode estar en situación de desprotección, préstase unha atención individualizada e integral que ten en conta as necesidades e características deste neno ou nena e da súa familia, co obxectivo de restituír as condicións idóneas para a permanencia no seo familiar.
Cando a familia de orixe non existe ou non é posible a reintegración, a prioridade pasa por buscar unha familia alternativa, baixo a figura da adopción ou do acollemento, ou ben a incorporación a un centro onde se lle presta unha atención axeitada.
Todas as actuacións que se leven a cabo en relación coa infancia e adolescencia deben atender en todo momento ao superior interese do menor sobre calquera outro interese, por lexítimo que este fose.
Outros principios reitores que deben rexer as actuacións nesta materia son:
- A promoción, respecto e defensa dos dereitos individuais e colectivos dos nenos, nenas e adolescentes.
- A integración socio-familiar dos nenos, nenas e adolescentes, garantindo, sempre que sexa posible, a permanencia no seu ambiente familiar e contorno comunitario.
- O fomento da solidariedade e a sensibilidade social ante as dificultades que afecten á infancia e adolescencia, co obxecto de previr a marxinación, e o maltrato, e impulsar o papel da sociedade civil en defensa dos dereitos e liberdades dos menores.
- O carácter educativo e socializador de todas as medidas e actuacións que se adopten en relación cos nenos, nenas e adolescentes.
- A confidencialidade e reserva en relación con todas as actuacións que se leven a cabo en interese e defensa das persoas menores de idade.
- A axilidade na toma de decisións nas actuacións que afecten ao nenos, nenas e adolescentes
- A cooperación, colaboración e a coordinación de actuacións con todo tipo de organismos e institucións, públicas ou privadas.