Inicio > Temas > Familia e infancia > Participación Infantil > Creación do Consello autonómico de participación da infancia e da adolescencia

Creación do Consello autonómico de participación da infancia e da adolescencia

A participación dos nenos e nenas vén recoñecida na Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989 e ratificada polas Cortes Xerais do Estado.

Esta participación implica o recoñecemento do protagonismo social dos nenos, nenas e adolescentes e do seu dereito a ser escoitados/as nos asuntos que lles afecten.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, no seu artigo 42 recoñece, entre outros, os dereitos dos nenos e nenas a participar plenamente, en función do seu desenvolvemento e capacidade, na vida social, cultural, artística e recreativa da súa contorna, así como a unha incorporación progresiva á cidadanía activa, a expresarse libremente e á promoción da autonomía persoal potenciando as súas capacidades.

En tal sentido e froito do compromiso político, aprobouse a Estratexia Galega da Infancia e a Adolescencia 2018-2020 que incorporou, entre as súas medidas, o impulso e o desenvolvemento efectivo da devandita participación infantil, sendo unha das accións máis relevantes da mesma a creación dun consello autonómico de infancia como órgano de representación infantil.

Na actualidade existen moitas iniciativas dirixidas a garantir eses dereitos de participación da infancia, no marco do Programa de Cidades Amigas da Infancia, creado por UNICEF. O seu propósito é promover a aplicación da Convención sobre os Dereitos do Neno en España, para o cal constituíronse distintos Consellos Locais de Infancia e Adolescencia como espazos específicos para a participación infantil activa no marco do goberno local e coa colaboración da Xunta de Galicia.

Polo exposto e tendo en conta os antecedentes, era necesario avanzar no impulso das políticas públicas que integren a perspectiva da infancia e que faciliten canles formais de participación democrática naqueles asuntos de interese directo da infancia, polo que dende a Administración autonómica abórdase neste momento a creación dun órgano de participación e representación da infancia.

Este órgano, crearase a través dun decreto que promoverá a participación democrática dos nenos, nenas e adolescentes na Comunidade Autónoma de Galicia naqueles asuntos que lles afecten, establecendo o seu réxime de funcionamento.

Adscribirase á consellería de Política Social e concretamente á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e incorporará mecanismos de coordinación con outros departamentos da Administración autonómica, así como con outras Administracións públicas con competencias na materia.