Nova
A Xunta pon en marcha en Cervo o punto de encontro familiar que prestará servizo a toda A Mariña
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explicou que contará con tres profesionais que velarán polo benestar dos menores e facilitarán o cumprimento do réxime de visitas en situacións de conflito
Cervo (Lugo), 3 de agosto de 2026
A Xunta pon hoxe en marcha o Punto de Encontro Familiar de Cervo, un novo recurso orientado a promover unha dinámica familiar positiva en situacións de conflito, preservando o benestar dos menores, facilitando a súa relación coas familias e garantindo o cumprimento do réxime de visitas.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou as instalacións, cedidas polo Concello de Cervo e acondicionadas pola Consellería de Política Social e Igualdade cun investimento de 235.000 euros. Estivo acompañado pola alcaldesa do municipio, Dolores García, e por Fernando Pérez, presidente da Fundación Dignidade, que xestionará o servizo.
A Consellería destinará máis de 400.000 euros ao concerto social con Dignidade -asignado mediante convocatoria pública- durante os próximos tres anos, ata mediados do 2029.
O delegado sinalou que este centro dará cobertura a todos os concellos da Mariña, “evitando que moitos nenos e nenas da comarca e as súas familias teñan que desprazarse a Lugo para cumprir coas visitas ou os intercambios, en circunstancias que xa son suficientemente complexas”.
O Punto de Encontro Familiar estará atendido por tres profesionais especializados en protección da infancia, e funcionará de xoves a domingo entre as 8:15 e as 16:15 horas. É un recurso moi demandado que ofrece un espazo neutral para o cumprimento de disposicións xudiciais, como as visitas fixadas para os proxenitores ou os intercambios conforme ás previsións de custodia.
O equipo técnico fai un seguimento individualizado de cada caso e alerta aos servizos de protección de menores da Xunta en caso de identificar algún sinal de desprotección.