Nova

O delegado territorial visita por primeira vez dende a súa toma de posesión a residencia de Campolongo e destaca o bo resultado das obras

A Xunta destinou preto de 4 millóns de euros á renovación integral do edificio

A actuación permitiu modernizar as instalacións, mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética e adaptar os espazos para ofrecer unha atención de maior calidade ás persoas usuarias


Pontevedra, 3 de agosto de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá a residencia pública de maiores de Campolongo, nunha primeira toma de contacto co centro desde a súa chegada ao cargo, co obxectivo de coñecer de primeira man o seu funcionamento, as instalacións e o labor que desenvolven diariamente os seus profesionais na atención ás persoas usuarias.

Durante a visita, o delegado percorreu as distintas dependencias da residencia e interesouse polo funcionamento dos servizos que se prestan neste centro, ao tempo que puido comprobar o resultado das importantes actuacións de renovación executadas pola Xunta de Galicia.

Cabe destacar que a Xunta destinou preto de 4 millóns de euros á renovación integral da residencia de Campolongo, unha intervención que permitiu modernizar as instalacións e adaptalas ás necesidades actuais das persoas maiores. As obras incluíron a mellora da fachada do edificio, a reordenación dos espazos comúns para incrementar a súa funcionalidade e facilitar a implantación de novos servizos, así como actuacións orientadas a reforzar a eficiencia enerxética e a accesibilidade do inmoble coa instalación de dous novos ascensores.

Pablo Fernández destacou que este investimento "é unha mostra do compromiso da Xunta por ofrecer unhas instalacións modernas, accesibles e adaptadas ás necesidades das persoas maiores, garantindo unha atención da máxima calidade". Neste sentido, lembrou que a mellora continua da rede pública de centros residenciais constitúe unha das prioridades do goberno galego para proporcionar aos usuarios espazos máis confortables, seguros e funcionais.

O delegado territorial quixo tamén agradecer o traballo que realiza o persoal da residencia, destacando a súa profesionalidade e dedicación no coidado diario das persoas maiores. Así mesmo, trasladou o compromiso da Xunta de seguir impulsando actuacións que permitan mellorar os recursos e servizos destinados ao benestar das persoas usuarias e avanzar cara a unha atención cada vez máis personalizada e de maior calidade.