Nova
Fabiola García comproba o avance das obras da nova residencia para persoas con discapacidade de Outes na que a xunta inviste 2 M€
A conselleira de política social e igualdade destaca que o novo recurso terá capacidade para aloxar a 24 usuarios, dando resposta ás necesidades das familias da comarca
Outes (A Coruña), 1 de agosto do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Outes, Francisco Calo, e do presidente da Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (Adisbismur), Ramón Sestayo, visitou esta mañá as obras da que será a nova residencia para persoas con discapacidade de Outes, na que a Xunta inviste 2M€ e que será xestionada pola entidade social.
Durante o acto, Fabiola García destacou que este investimento do Goberno galego “reflicte o compromiso da Xunta coa atención ás persoas con discapacidade” e está permitindo transformar o antigo colexio do Cruceiro de Roo, cedido polo Concello de Outes, nun centro residencial que contará con 24 prazas. Ademais, puxo en valor a traxectoria da entidade social, “con máis de 40 anos axudando a sentar as bases do que hoxe é a atención ás persoas con discapacidade”.
Con este recurso, a Xunta segue apostando por crear servizos de proximidade no rural para procurar que as persoas con discapacidade que precisen deles poidan permanecer na súa contorna. Ademais, a futura residencia completará a rede de servizos de Adisbismur, da que xa forman parte un centro ocupacional, con capacidade para medio cento de usuarios, e un centro de día que presta atención a unha vintena de persoas. Nestes centros a Xunta financia 49 prazas, ás que destina 720.000 euros anuais.