Nova
A Xunta fomenta o asesoramento e a atención en materia de igualdade no Atlantic Fest a través do punto lila e arco iris
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou esta tarde o espazo, que estará aberto ata o peche do festival
O Goberno autonómico instalará estes puntos tamén no Morriña Fest, no Río Verbena e no Caudal Fest
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 17 de xullo de 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou esta tarde o punto lila e arco iris instalado no Atlantic Fest, en Vilagarcía de Arousa. Un espazo no que a Xunta busca promover a igualdade e sensibilizar e asesorar en materia de xénero.
Este punto, que estará aberto ata o peche do festival, conta con dúas áreas diferenciadas, nas que profesionais especializadas na promoción da igualdade e na atención fronte a posibles agresións ofrecerán, por unha parte, asesoramento e actividades de sensibilización e, por outra, atención e acompañamento.
O obxectivo, lembrou Eloína Ingerto, é acercar á cidadanía, e especialmente á mocidade, ferramentas que sirvan para concienciar, prever e detectar calquera situación de violencia contra as mulleres ou contra o colectivo Lgtbi. Deste modo, aqueles que se acheguen aos puntos lila e arco iris poderán resolver dúbidas e inquedanzas e participar en actividades sobre aspectos das relacións afectivas e a intimidade.
Os puntos lila e arco iris estarán presentes este ano nos oito principais festivais de música de Galicia. Despois de pasar por O Son do Camiño, o Resurrection Fest, o Festival de Ortigueira, Portamérica e o Atlantic Fest, chegarán ao Morriña Fest, ao Río Verbena e ao Caudal Fest.