Nova

A Xunta valora a cooperación con Fegerec na atención ás persoas afectadas por enfermidades raras ou crónicas

Begoña Abeijón destacou que a achega do Goberno galego beneficiará a máis de 2.000 usuarios da federación este ano


A Coruña, 17 de xullo de 2026

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, mantivo esta mañá unha reunión coa dirección da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) na que valorou a cooperación entre a Xunta e as asociacións que atenden as persoas afectadas por estas doenzas. Na visita, puido coñecer as novas instalacións da entidade, situadas nun inmoble cedido pola Xunta e que foron inauguradas o pasado mes de maio.

O Goberno galego, lembrou, leva máis de quince anos colaborando con esta entidade a través de achegas económicas para o desenvolvemento de programas que contribúan a mellorar a calidade de vida dos seus usuarios e das súas familias.

Begoña Abeijón destacou que a Xunta e institucións como Fegerec comparten o obxectivo de facilitar a plena inclusión social, educativa e laboral das persoas que sofren enfermidades raras ou crónicas. Por este motivo, a Administración autonómica potencia axudas e apoios para a promoción da autonomía persoal deste colectivo. Gracias á aportación da Xunta a Fegerec para este ano, que supera os 33.000 euros, máis de 2.000 persoas resultarán beneficiadas.

Ademais, o Goberno galego colabora coa federación a través das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. De feito, no 2025 recibiu máis de 260.000€ para programas de acompañamento e promoción da autonomía. Neste momento, está aberto ata o 27 de xullo o prazo para solicitar as axudas da convocatoria correspondente a 2026.