Nova

A Xunta reforza o apoio a TDAH Salnés para seguir dando visibilidade os trastornos de déficit de atención e hiperactividade

A directora xeral de Persoas con Discapacidade lembrou que o Goberno Galego traballa co tecido asociativo para ofrecer ferramentas e servizos ás persoas con esta condición


Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 16 de xullo de 2026

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá a sede da asociación TDAH Salnés, onde destacou o labor que realizan entidades coma esta de visibilizar o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) e de sensibilizar acerca da incidencia que ten no día a día daqueles que conviven con el.

Begoña Abeijón lembrou que a Xunta traballa da man do tecido asociativo para resolver todas as inquedanzas das persoas con discapacidade e das súas familias. E darlles mellores ferramentas, servizos e solucións ás persoas con TDAH.

Esta colaboración, no caso de TDAH Salnés tradúcese en varias achegas económicas nos últimos anos para o desenvolvemento de programas de atención e formación que teñen como obxectivo a inclusión e a integración das persoas con déficit de atención e hiperactividade. Unhas subvencións que a Xunta seguirá reforzando a través da orde de axudas con cargo ao IRPF. Ademais, o Executivo galego traballará coa entidade un ano máis na organización das xornadas que celebra en outubro con motivo do Día do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade.