Nova

Máis de 600 persoas participan nas actividades que ofrece o centro sociocomunitario da Xunta en Vilalba

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, destacou o papel de dinamización social e cultural das instalacións, que inclúen programación propia e en colaboración co tecido asociativo e entidades da zona


Vilalba (Lugo), 15 de xullo de 2026.

Un total de 630 persoas participaron nas actividades ofrecidas no primeiro semestre do ano no Centro Sociocomunitario da Xunta en Vilalba. O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe as instalacións e destacou que xogan un importante papel de dinamización social e cultural, acollendo tanto programación propia como en colaboración co tecido asociativo e entidades da contorna.

Neste período impartíronse máis dunha trintena de actividades formativas, como cursos de informática, de estimulación cognitiva ou de ximnasia, e tamén se desenvolven ao longo do ano obradoiros sobre distintas materias e xornadas de lecer. Ademais, a Xunta   oferta os servizos de podoloxía e fisioterapia, que foron utilizados por case 500 usuarios.

Entre as entidades colaboradoras na organización destas accións figuran a Asociación de Persoas con Discapacidade Benjamín Paz (AMBEPA), a Asociación de Mulleres Amizade, La Caixa, Cogami, a Asociación de Voluntarios de Informática de Galicia, Escola de Cidadáns e a coral Luar.

A rede de centros sociocomunitarios da Consellería de Política Social e Igualdade pretende principalmente favorecer o envellecemento activo e o benestar das persoas maiores, pero tamén ser lugares para a convivencia interxeracional. Na provincia están situados, ademais de en Vilalba, en Lugo, Mondoñedo e Ribadeo.