Nova

Rueda destaca que Galicia chega aos 40.000 beneficiarios do Bono Coidado no Fogar, o que sitúa a Galicia como un referente na atención á dependencia

Visitou no seu domicilio a un dos beneficiarios desta axuda universal, que permite ás persoas dependentes recibir coidados no seu fogar

Ten un contía de 5.000 euros ao ano e prevese beneficiar a 50.000 persoas ao final da lexislatura


O Porto do Son (A Coruña), 14 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia vén de acadar os 40.000 beneficiarios do Bono Coidado no Fogar, unha medida pioneira posta en marcha pola Xunta e única en España que sitúa a Galicia como un referente na atención á dependencia, e resaltou que desde o Goberno galego “queremos seguir coidando a xente que necesita coidados da mellor maneira posible, como merecen, e dunha maneira responsable”.

Así o sinalou esta mañá despois de visitar no seu domicilio ao beneficiario número 40.000 desta axuda universal, que permite que as persoas dependentes poidan recibir coidados no seu fogar. O obxectivo, como indicou o presidente, “é chegar a 50.000 beneficiarios antes do final da lexislatura”.

A Xunta impulsou esta axuda pioneira no 2024 para facilitar a atención das persoas dependentes na súa contorna, podendo ser atendidas polos seus achegados. Deste xeito, concédeselles de xeito universal, independentemente do nivel de renda e grao de dependencia, unha achega económica de 5.000 euros ao ano.

Esta medida forma parte do compromiso da Xunta coa atención á dependencia e cun modelo de coidados centrado na liberdade e que facilita que os maiores poidan escoller onde e como ser coidados. Agora mesmo, Galicia é unha das comunidades autónomas líderes na ratio de atención, con máis de 97.000 persoas recibindo algún servizo ou prestación: “Queremos seguir axudando aos dependentes e ás súas familias; necesítano, é a nosa obriga”, rematou o presidente.