Nova
A Xunta destaca o novo centro social de Carballeda de Avia como exemplo da aposta do Goberno galego pola revitalización do rural
O Executivo autonómico achegou máis de 285.000 euros ao equipamento de Muimenta, no marco do Plan de Investimentos
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sinalou que a abordaxe do reto demográfico require dunha mellora das condicións da poboación
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reafirmou o compromiso da Xunta co municipalismo e co desenvolvemento do rural a través das distintas liñas de axuda aos concellos impulsadas pola Dirección Xeral de Administración Local
Carballeda de Avia (Ourense), 13 de xullo de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitaron o novo centro social de Muimenta, en Carballeda de Avia. Trátase dun equipamento construído no marco do Plan de Investimentos da Xunta e ao que definiron como exemplo da aposta do Goberno galego pola revitalización do rural. No encontro tamén participaron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.
Fabiola García explicou que o novo centro social de Muimenta é unha das 24 actuacións incluídas no Plan de Investimentos impulsado polo executivo autonómico para reforzar a rede de equipamentos sociais, cun investimento de 18,5 millóns de euros e 700 novas prazas residencias. Neste caso, a Xunta achegou máis de 285.000 euros, nun proxecto desenvolvido tamén coa colaboración da Deputación de Ourense e o Concello. Ademais, a conselleira puxo en valor o papel da Fundación RIA que participa na iniciativa a través do deseño deste proxecto que foi recoñecido co Primeiro Premio da Casa Arquitectura 2026.
O centro social de Carballeda, explicou Fabiola García, nace co obxectivo de reforzar a vida comunitaria. Para ser un auténtico punto de encontro para a veciñanza, onde terán cabida actividades sociais, culturais, recreativas ou formativas. E posibilitar “un rural vivo, con servizos, con patrimonio recuperado e con oportunidades para todos”, rematou.
A conselleira destacou que a aldea pioneira de Muimenta, que se está desenvolvendo para recuperar esta zona afectada por diversos lumes forestais, é “un exemplo de boas prácticas para afrontar o reto demográfico e revitalizar o rural”. Un obxectivo que pode e debe abordarse, apuntou, “combinando a recuperación do territorio, a rehabilitación do patrimonio, a atracción de nova poboación e a mellora das condicións de vida”.
Así mesmo, destacou que este labor é posible grazas á colaboración e coordinación entre administracións e entidades, que ofrecen solucións innovadoras e adaptadas ás necesidades reais.
Visita á vivenda comunitaria
Antes da inauguración do centro social, os conselleiros achegáronse á vivenda comunitaria municipal Os Muíños, onde puideron compartir mesa cos 12 usuarios deste recurso. Durante a visita, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou que a Xunta investiu 43.000 euros na posta en marcha da cociña deste centro en dotala de equipamento. A vivenda conta con numerosos servizos, como ximnasio, fisioterapia, podoloxía, lavandería, perruqueira e ofrece unha programación continua de actividades.
Desenvolvemento do rural
Pola súa parte, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reafirmou o compromiso da Xunta cos concellos galegos, sobre todo, en zonas rurais, para fomentar o desenvolvemento do rural e facer fronte ao reto demográfico. Así, lembrou que a través das distintas liñas de axuda aos concellos impulsadas pola Dirección Xeral de Administración Local, destináronse o ano pasado 27 millóns de euros ao financiamento de máis de 600 proxectos municipais en toda Galicia. Nesta liña, puxo en valor tamén a importancia da colaboración entre administracións co obxectivo de levar a cabo proxectos que redunden en mellores servizos e na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.
Ademais, a Xunta está a tramitar a futura Lei de Administración Local de Galicia, como unha norma chamada a reforzar a capacidade dos concellos para facerlle fronte precisamente ao reto demográfico e á dispersión territorial, impulsando unha maior cooperación entre administracións e novas fórmulas que garantan uns servizos públicos de calidade en toda a comunidade, especialmente nos pequenos concellos do rural.
Por outra parte, o Goberno galego asinou convenios con 46 concellos por importe de cinco millóns de euros para colaborar na recuperación tras verse afectados polos incendios do pasado verán, entre eles Carballeda de Avia.