Nova
A Xunta aposta pola formación continuada dos axentes sociais para consolidar os avances en igualdade na era dixital
Eloína Ingerto tamén puxo en valor o papel a primeira lei de acoso e violencia dixital do Goberno galego que busca protexer e prever os novos perigos que xorden da rede
Lalín (Pontevedra), 10 de xullo do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, participou na clausura do curso de verán Novas fronteiras na Igualdade de oportunidades 2.0, que organiza a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lalín. Durante a súa intervención, destacou a importancia da formación continuada dos axentes sociais para consolidar os avances acadados en materia de xénero na era da dixitalización.
Eloína Ingerto destacou a importancia de que as administracións e institucións traballen da man e colaboren para mellorar as políticas públicas e para ofrecer unha resposta coordinada ás necesidades que xorden cos novos avances. A respecto disto, a directora xeral puxo en valor o papel da primeira lei nacional de acoso e violencia dixital que impulsa a Xunta, e que se aprobará previsiblemente este ano, como exemplo de medida que busca protexer e prever fronte aos perigos derivados da rede.
Así mesmo, a directora xeral fixo fincapé en que un dos puntos fortes desta normativa é, precisamente, a formación e o asesoramento tanto dos axentes sociais como das contornas familiares. Deste xeito, recalcou que a Xunta de Galicia aposta sempre pola difusión de información e coñecemento para que a sociedade poida actuar, previr, sensibilizar e detectar calquera violencia.
Eloína Ingerto tamén felicitou á organización destas xornadas formativas por “crear un espazo de diálogo e reflexión” con profesionais sobre cuestións de actualidade. Un curso que, dixo, sitúa a Lalín no epicentro da formación en igualdade ano tras ano a través deste curso consolidade e de referencia.