Nova

Fabiola Garcia resalta que Galicia é unha das mellores comunidades na xestión da dependencia pese aos incumprimentos do Goberno central

Pon en valor a redución da lista de espera e dos tempos de tramitación en máis de dous meses e medio

Denuncia que o Executivo central sigue diminuíndo a súa achega ao pago da factura da dependencia ao rebaixala ao 32%, moi lonxe do 50% fixado por lei

Destaca que o número de persoas atendidas en Galicia sitúase no seu máximo histórico, con máis de 97.400 beneficiándose dun servizo ou prestación


Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026

 A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, afirmou hoxe que Galicia é unha das comunidades con mellor xestión na atención á dependencia. Fíxoo nunha interpelación parlamentaria na que expuxo datos que atesouran esta realidade, como o feito de ser unha das comunidades con menor porcentaxe de persoas esperando por un servizo ou prestación, ou a diminución dos tempos de tramitación en máis de dous meses e medio.

Fabiola García indicou que estas boas cifras son o resultado do traballo da Xunta nesta materia á que cada ano lle dedica máis fondos para suplir os incumprimentos do Goberno central coa Lei de Dependencia. Ao respecto, denunciou que no 2025, último exercicio pechado, o Executivo de Pedro Sánchez diminuíu a súa achega a Galicia dous puntos, pasando do 34 ao 32%. Isto supuxo 250 millóns de euros menos para os dependentes galegos mentres que acorda co País Vasco asumir o 50% da factura da dependencia.

Nesta liña, a conselleira manifestou que o último anuncio sobre a reforma do financiamento da dependencia “é papel mollado mentres o Goberno de España non comece a facer as cousas ben e aprobe os Orzamentos Xerais de Estado”. Así mesmo, volveu esixir o pago da débeda con Galicia na atención á dependencia que ascende xa a máis de 3.000 millóns de euros.

Fronte aos incumprimentos do Executivo central, Fabiola García asegurou que a Xunta seguirá destinando máis recursos e fondos, sinalando que nos orzamentos de 2027 será unha prioridade o reforzo continuado dos servizos públicos esenciais, tal e como avanzou o presidente Alfonso Rueda.

Ademais, a conselleira puxo en valor o Plan de choque posto en marcha pola Xunta en xaneiro do ano pasado, grazas ao cal hoxe Galicia rexistra o seu máximo histórico de persoas atendidas con máis de 97.400, moi preto do obxectivo dos 100.000 fixado para este ano. Tamén destacou a implantación de medidas pioneiras como a homologación da dependencia e da discapacidade, que o Goberno central recorreu ao Tribunal Constitucional ao mesmo tempo que a copia, aínda que en menor intensidade e sen beneficios fiscais.