Nova

Rueda destaca os 24 centros de maiores municipais postos en marcha con apoio da Xunta e avanza 1.800 novas prazas en residencias

Lembra que a Xunta destinou 18,5 M€ de fondos europeos a apoiar aos concellos do rural na construción e ampliación de residencias e centros de día

Este Plan de investimentos implicou a execución de 24 proxectos en toda a comunidade, dos que a maioría xa remataron as obras ou están a piques de facelo

Salienta que o obxectivo é garantir que os maiores “poden envellecer con dignidade” e contan con servizos “preto da casa”

Resalta que a Xunta dará continuidade a estes investimentos cun novo Plan de residencias que busca “incrementar en 1.800 as prazas públicas” na comunidade

Salienta a aposta da Xunta por facilitar ás persoas maiores que vivan esta etapa como desexen a través de medidas como “o Bono Coidado no Fogar ou as Casas do Maior”


Piñor (Ourense), 8 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe o Plan de investimentos en centros de maiores da comunidade, que xa está na súa recta final, e que permitirá a posta en marcha de máis de 700 novas prazas públicas en 24 residencias e centros de día. Ademais, avanzou que esta iniciativa terá continuidade cun novo Plan de residencias, que comezará o seu desenvolvemento en setembro, e que sumará outras 1.800 prazas.

Rueda enmarcou estas actuacións no obxectivo do Goberno autonómico de garantir “a mellor atención ás persoas maiores para que poidan envellecer con dignidade e teñan a oportunidade, se así o desexan, de vivir nunha residencia preto da casa”.

Durante unha visita ás instalacións da futura residencia de maiores de Piñor (Ourense), Rueda resaltou que o Plan de investimentos, que agora remata e posto en marcha en 2022, supón un impulso histórico á rede de servizos para persoas maiores de Galicia. O presidente lembrou que o obxectivo era apoiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes a construír, reformar ou ampliar centros dirixidos a atención integral deste colectivo para “darlle servizos ao rural” e axudar a fixar poboación.

Ao abeiro deste Plan de investimentos, dotado de 18,5 millóns de euros de fondos europeos, leváronse a cabo 24 proxectos: 16 na provincia de Ourense, tres na da Coruña e na de Pontevedra e dous, na de Lugo. A gran maioría destas obras xa están rematadas ou a piques de estalo e implicarán ampliar a rede pública de atención aos maiores con 700 novas prazas: 569 en residencias e 134 en centros de día.

Rueda resaltou a colaboración cos concellos e a Deputación de Ourense para poder levar a cabo estes proxectos, unha coordinación que representa o que significa Galicia Calidade, “que é moito máis que un eslogan, é demostrar que as cousas que costan cartos públicos hai que facelas ben”.

O presidente fixo fincapé en que a Xunta vai seguir ampliando a rede autonómica de centros de maiores cun novo Plan de residencias que dará continuidade ao Plan de investimentos que agora remata. “É un compromiso que adquirimos no Parlamento, que iniciaremos en setembro e permitirá sumar outras 1.800 prazas”, indicou o presidente que salientou que, deste xeito, o Goberno autonómico seguirá mellorando este tipo de infraestruturas por todo o territorio. En concreto, a previsión é construír novos centros residenciais en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Rede de apoios aos maiores

Ademais, o presidente lembrou que a Xunta traballa desde hai anos co obxectivo de facilitar que as persoas maiores vivan esta etapa como desexen e preto da súa contorna.  “É de xustiza devolverlles todo que nos deron, atender á xente que sempre nos atendeu”, indicou.

Entre as medidas xa en marcha, salientou o Bono Coidado no Fogar -dirixido aos dependentes que reciben atención no seu domicilio, que xa chega a preto de 40.000 usuarios coa previsión de chegar aos 50.000 nesta lexislatura- ou as 150 Casas do Maior que hai espalladas polo territorio galego e que seguirán ampliándose ao incrementar dez máis no 2027.