Nova
A Xunta reforza o seu compromiso coa rede de centros de información á muller cunha convocatoria de axudas dotada de máis de 5 M€
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta desta orde durante unha visita ao CIM das Pontes
Estas subvencións financiarán o custo dos postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, persoal técnico e axentes de igualdade ou formación do traballo en rede e dinamización do territorio con enfoque de xénero
As Pontes, 6 de xullo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller (CIM) das Pontes, onde deu conta da nova convocatoria de axudas para o apoio a estes espazos. O Concello das Pontes foi beneficiario deste programa o pasado ano, grazas ó cal recibiu unha achega de preto de 40.800 euros para o mantemento do seu CIM.
Esta convocatoria, aberta ata o 13 de xullo, está dotada cun orzamento de máis de 5 M€ para as anualidades 2026 e 2027. No 2025, estas achegas deixaron un total conxunto de máis de 206.400 euros no ámbito da Delegación, chegando, ademais de ao centro pontés, aos CIM de Ares, Ferrol e Ortigueira. Cada administración local pode recibir como máximo 52.000 euros e ata 120.000 euros no caso de solicitudes conxuntas. Concederase, así mesmo, un adianto do 80% do total da achega outorgada. A través destas subvencións finánciase o custo dos postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, persoal técnico e axentes de igualdade ou formación do traballo en rede e dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Durante a visita, Aneiros sinalou a importancia que ten que a nosa comunidade conte cunha ampla rede de centros deste tipo “nos que as mulleres poden recibir información e axuda xurídica, psicolóxica ou de calquera outro tipo”, destacou apuntando tamén á relevancia da colaboración entre administracións para lograr unha sociedade libre de machismo.
A delegada destacou tamén que o apoio aos CIM é unha mostra máis do compromiso do Executivo galego na loita contra a violencia de xénero. Os 84 recursos destas características que hai en Galicia atenden unha media de 17.600 mulleres ao ano.