Nova

A Xunta promove a sensibilización e o asesoramento en materia de xénero a través do punto lila e arcoíris no Resurrection Fest

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou este espazo de información e atención que está aberto todos os días ata o peche do festival

O Goberno galego tamén instalará este servizo no Festival de Ortigueira, no Portamérica, no Atlantic Fest, no Morriña Fest, no Río Verbena e no Caudal Fest


Viveiro (Lugo), 3 de xullo do 2026

A directora xeral de Promoción da igualdade, Eloína Ingerto, acompañada da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, visitou esta tarde o punto lila e arcoíris instalado no festival de música Resurrection Fest. Alí, destacou que se trata dun espazo aberto desde o comezo ata o final do festival,  a través do que a Xunta busca promover a igualdade de xénero, sensibilizar e ofrecer asesoramento.

O obxectivo, explicou a directora xeral, é achegar á cidadanía, e en especial á mocidade, ferramentas para concienciar, sensibilizar e prever calquera situación de violencia contra as mulleres ou contra o colectivo LGTBI. Deste xeito, nestes puntos ademais de información tamén se poden realizar actividades que promoven as masculinidades igualitarias, reforzan os vínculos afectivos e as dinámicas relacionais.

Neste sentido, Eloína Ingerto explicou que estes puntos contan con persoal especializado, tanto psicólogas como sexólogas, que ofrecen asesoramento a calquera persoa que o precise, asesoramento e acompañamento. Para isto, o punto lila e arcoíris conta con dous espazos diferenciados: un de sensibilización e información e outro destinado ás atencións individuais.

A directora xeral lembrou que, a continuación do Resurrection Fest, a Xunta instalará este punto lila e arcoíris nas outras grandes citas musicais de Galicia. En concreto, detallou que estará no Festival de Ortigueira, no Portamérica, no Atlantic Fest, no Morriña Fest, no Río Verbena e no Caudal Fest.