Nova

Fabiola García destaca a Tarxeta Benvida e o Carné +65 como medidas de referencia no apoio ás familias e ao envellecemento activo

A conselleira de Política Social e Igualdade visitou esta mañá un establecemento da Pobra do Caramiñal adherido a estes programas


A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 4 de xullo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe a Librería Ler para poñer en valor o Carné +65 e a Tarxeta Benvida, programas da Xunta de Galicia aos que está adherido este establecemento e que se teñen consolidado como un referente nas políticas públicas de apoio ás familias e para o fomento do envellecemento activo.

Fabiola García lembrou que a Xunta destina anualmente preto de 32 millóns de euros á Tarxeta Benvida, unha axuda directa aos pais cunha contía media de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla. Esta cantidade duplícase para o terceiro fillo e sucesivos, e increméntase un 25% para as familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así mesmo, a axuda pode estenderse ata os catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.

Desde a posta en marcha da Tarxeta Benvida, hai dez anos, arredor de 120.000 familias galegas se teñen xa beneficiado desta achega, que se pode solicitar a partir da semana 21 de xestación. Con esta tarxeta moedeiro poden mercar produtos para os seus bebés nos establecementos adheridos: xoguetes, berces, cueiros, produtos de farmacia, carriños, etc.

Maiores e familias numerosas

En canto ao Carné +65, a conselleira destacou que grazas a este programa son moitas as persoas maiores que desfrutan de descontos e vantaxes en servizos de saúde e benestar, hostalería, ocio e lecer, produtos e eventos culturais, etc. Nestes momentos, son xa preto de 1.000 os establecementos adheridos en toda Galicia nos que se pode facer uso deste carné. No caso desta librería da Pobra do Caramiñal ofrécense descontos do 5%.

Ademais de estar subscrito a estes dous programas, Ler Librerías tamén ofrece descontos na compra de libros de texto escolares e outros artigos para as familias numerosas socias de Agafan, así como para os usuarios do Carné Xove da Xunta.