Nova
A Xunta destina 600.000 euros a Amicos para impulsar a transformación dixital da atención a persoas con discapacidade intelectual e dano cerebral
A achega servirá para financiar a compra de equipamento tecnolóxico destinado a mellorar a autonomía dos usuarios e para equipar a ampliación do fogar residencial
Boiro (A Coruña), 4 de xullo de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou esta mañá coa Asociación Amicos un convenio de colaboración para impulsar a modernización dixital na atención a persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise e dano cerebral.
A conselleira visitou a sede da entidade, onde explicou que, a través deste acordo, a Xunta achega 600.000 euros para financiar a compra de equipamento tecnolóxico e dixital para mellorar a autonomía e inclusión das persoas con discapacidade. Deste modo, a asociación poderá incorporar a robótica aplicada ás terapias de rehabilitación e actualizar as salas multisensoriais.
Precisamente, durante a visita, Fabiola García experimentou en primeira persoa as sensacións que provocan uns dos equipamentos de estimulación, uns lentes de realidade virtual, que probou en compañía dun dos usuarios do centro.
Ademais da tecnoloxía asistencial, o convenio de colaboración entre o Goberno autonómico e Amicos inclúe o equipamento da ampliación do fogar residencial da entidade, que ofrece atención constante e especializada tanto aos residentes como as súas familias.
Neste sentido, a conselleira destacou que Amicos “é un referente a nivel de coidados e da integración das persoas con discapacidade intelectual” e asegurou que “sempre terá o apoio da Xunta para seguir impulsando o labor que realiza desde hai máis de dúas décadas”.