Nova

A Xunta impulsa Inspirando Presentes, o primeiro ciclo de conferencias de mulleres galegas referentes

Fabiola García destacou o proxecto como un paso máis á hora de visibilizar o talento feminino que hai en Galicia e que está detrás do desenvolvemento da comunidade

A primeira poñente é Tona Martínez, presidenta da Asociación Galega da Empresa Familiar, á que seguirán Marián Mouriño, Idoia Cuesta ou Elena Steinger, entre outras


Lugo, 3 de xullo do 2026

A Xunta impulsa o proxecto Inspirando Presentes, o primeiro ciclo de conferencias de mulleres galegas referentes en diferentes sectores. Esta mañá celebrouse en Lugo o primeiro relatorio desta iniciativa que a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, definiu como esencial para compartir experiencias, crear diálogo e inspirar ás novas xeracións.

No acto de presentación, ao que tamén asistiu o delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, a conselleira destacou que Inspirando Presentes supón “dar un paso máis á hora de visibilizar o talento feminino que hai en Galicia”, e que xa se comezou a facer coa creación de Presentes, a plataforma impulsada pola Xunta para reunir ás profesionais galegas. “Con este ciclo queremos dar un novo recoñecemento a todas as mulleres que co seu traballo contribúen ao desenvolvemento da comunidade”, remarcou a conselleira.

Neste sentido, puxo en valor o labor de Tona Martínez, presidenta da Asociación Galega da Empresa Familiar, e que foi a encargada de inaugurar este primeiro ciclo de conferencias da Xunta. Ao respecto, a conselleira fixo mención a que “o 90% do tecido produtivo en Galicia se corresponde a estas empresas”, ao tempo que indicou que a súa visión é fundamental para abordar o papel das mulleres no sector, especialmente en postos de liderado e tradicionalmente masculinizados.

O ciclo de conferencias conta ademais cunha sección de conversas e diálogo entre mulleres referentes que formaron parte da traxectoria persoal e laboral das poñentes. O obxectivo, recalou Fabiola García, é amosar que todos contamos con referentes na contorna máis próxima.

Mulleres referentes de diferentes sectores

Fabiola García avanzou na presentación deste ciclo que,  a continuación da conferencia inaugural a cargo de Tona Martínez, a Xunta dará voz a outras moitas mulleres referentes de diferentes sectores. Así, explicou que o obxectivo é que se poida visibilizar o seu papel en todos os ámbitos, como a empresa, a cultura ou o deporte.

Deste xeito, a conselleira avanzou os primeiros nomes das poñentes que conforman algunhas das conferencias que terán lugar ó longo do ano en toda Galicia. Entre elas, fixo mención á presidenta do Celta FC, Marián Mouriño; a artesá contemporánea Idoia Cuesta e a fiscal delegada de violencia sobre a muller en Galicia, Elena Steinger.