Nova
A Xunta financia novas melloras na residencia de maiores de Ortigueira que afectan aos baños, á cuberta e á fachada
O Goberno galego investiu máis de 200.000 euros nos últimos tres anos en distintas obras de reforma deste centro, pertencente á rede pública autonómica
Ortigueira (A Coruña), 3 de xullo do 2026
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe co alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, un convenio de colaboración para o financiamento de obras de mellora na residencia de maiores, pertencente á rede pública autonómica. A Xunta investirá máis de 48.000 euros nesta actuación que se executará este mesmo ano.
En concreto, as obras consistirán na reforma de cuartos de baño de dormitorios emprazados na planta alta da edificación. Tamén se mellorará a cuberta, os canlóns e baixantes, ademais do pintado de parte da fachada. A contratación e seguimento destes traballos correrá a cargo do Concello por tratarse dun inmoble de titularidade municipal.
Con esta actuación, a Xunta dá continuidade a outras intervencións realizadas neste centro residencial nos últimos anos, que tamén financiou o Consorcio a través de distintos acordos coa administración local. Estes traballos lévanse a cabo por fases, ano a ano, co fin de non alterar o funcionamento da residencia; e xa permitiron a reforma doutros baños, o pintado interior e a renovación de instalacións. A estas melloras hai que engadir outros investimentos en equipamento.
En total, entre os exercicios 2023 e 2026 a Xunta destinou máis de 200.000 euros a melloras neste centro residencial.