Nova

Fabiola García destaca as casas do maior como recursos vertebradores da rede pública de atención no rural

Explicou que estes servizos de balde para o coidado dos maiores facilitan, á súa vez, a conciliación das familias e o asentamento de poboación no rural

Tamén incidiu en que grazas a este modelo pioneiro, máis dunha vintena de veciños de Mazaricos se benefician de atención diúrna na súa propia contorna


Mazaricos (A Coruña), 2 de xullo do 2026.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá, na visita á nova casa do maior Suevos nº2 en Mazaricos, que estes recursos públicos impulsados pola Xunta de Galicia son un dos eixos vertebradores da rede pública de atención no rural.

Durante a visita, na que estivo acompañada do deputado provincial, José Manuel Caamaño,  a conselleira explicou que se trata dun servizo público totalmente de balde para os maiores e que, ademais de garantir a súa atención e coidado, facilita a conciliación das familias e o asentamento de poboación no rural. Así, lembrou que a Xunta puxo en marcha estes recursos no ano 2018 para responder á realidade do territorio galego, marcado pola dispersión xeográfica e a lonxevidade. Por iso, fixo fincapé en que as administracións deben dar resposta a este reto e reforzar a rede pública de servizos nas zonas máis despoboadas.

Neste sentido, a conselleira incidiu en que a Xunta aposta por un modelo de coidados que facilite aos maiores vivir como e onde desexen, para o que é esencial – recalcou- poñer á súa disposición unha ampla rede de servizos. Deste xeito, explicou que “só no concello de Mazaricos, máis dunha vintena de maiores se benefician destes recursos públicos pioneiros”, ao tempo que “poden seguir vivindo na súa contorna”, e isto é posible, rematou, “grazas ás cinco casas do maior impulsadas polo Goberno galego”.