Nova

A Xunta impulsa o proxecto Ribadeo Accesible para garantir o desfrute inclusivo da praia

A iniciativa, que conta colaboración de Cruz Vermella, dotará ao areal de recursos adaptados e persoal de apoio para facilitar o acceso e o baño a todas as persoas

A conselleira cualifica este proxecto como “unha iniciativa innovadora en Galicia”, ao combinar infraestruturas e material adaptado cun servizo de atención personalizada


Ribadeo (Lugo), 1 de xullo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou esta mañá o proxecto Ribadeo Accesible, unha iniciativa impulsada por Cruz Vermella e financiada pola Xunta de Galicia que permitirá converter a Praia dos Bloques nun espazo inclusivo, accesible e preparado para que todas as persoas poidan desfrutar da contorna en igualdade de condicións. Na visita, estivo acompañada do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo.

Durante a presentación,  Fabiola García destacou “o compromiso do Concello de Ribadeo co benestar da cidadanía e co desenvolvemento de proxectos que melloran a calidade de vida” tanto dos veciños como dos visitantes. A conselleira explicou que o proxecto nace co obxectivo de eliminar barreiras físicas e facilitar o acceso ao areal e ao baño mediante a incorporación de recursos adaptados, como cadeiras de rodas para a praia, muletas anfibias, ramplas e outros elementos de apoio. Ademais, contará con persoal específico encargado de atender e acompañar ás persoas usuarias, ofrecendo un servizo seguro, próximo e de calidade.

Fabiola García detallou que esta iniciativa está concibida “cun carácter interxeracional e beneficiará a persoas maiores, nenos e nenas, persoas con mobilidade reducida ou usuarias de cadeira de rodas”, así como a calquera persoa que, de forma temporal ou permanente, necesite apoio para acceder e desfrutar da praia.

A conselleira subliñou, ademais, que este proxecto “supón unha iniciativa innovadora en Galicia”, ao combinar infraestruturas e material adaptado cun servizo de atención personalizada, favorecendo unha maior autonomía e unha experiencia inclusiva para todas as persoas.

Así mesmo, quixo agradecer o traballo de Cruz Vermella por liderar esta iniciativa e pola súa implicación constante na mellora da calidade de vida da cidadanía, así como a colaboración de todas as entidades que fan posible proxectos destas características.