Nova

A Xunta reforza o apoio a Alento e Aspavi para seguir prestando a mellor atención ás persoas con dano cerebral e discapacidade intelectual na zona de Vigo

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, indicou que a Xunta está a incrementar o financiamento destinado ás prazas concertadas da discapacidade

Lembra que está aberto o prazo para solicitar as axudas do 0,7% do IRPF, que permiten ás entidades financiar programas e investimentos


Vigo, 30 de xuño de 2026

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe os usuarios do centros de día da Asociación de dano cerebral Alento e do centro de día e ocupacional da Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Vigo (Aspavi) e destacou que é clave o traballo das entidades sociais para a integración deste colectivo na sociedade.

No seu percorrido, a directora xeral destacou a importancia da colaboración entre as entidades sociais e as Administracións para mellorar o día a día das persoas con discapacidade. Neste sentido, fixo fincapé en que a Xunta está a reforzar o seu apoio ás entidades sociais que, como Alento e Aspavi, contan con prazas concertadas. Concretamente, a Xunta financia 86 prazas entre no centro de día e a residencia de Alento e 39 no centro de día e ocupacional de Aspavi.

Segundo explicou, en 2025 o Goberno galego incrementou o financiamento das prazas de discapacidade cun reforzo de 8 millóns de euros anuais para que as entidades poidan facer fronte ás subas contempladas no convenio colectivo estatal dos traballadores da discapacidade. Neste senso, asegurou que a Xunta volverá a incrementar o financiamento para as prazas neste 2026 para blindar a estabilidade das entidades.

Por outra banda, Begoña Abeijón lembrou que xa está vixente a convocatoria de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, polo que as entidades xa poden presentar as súas solicitudes. Gracias a estas axudas, a Xunta financia programas e investimentos clave das entidades sociais, como a residencia para persoas con discapacidade que está a finalizar Aspavi en Pazos de Borbén e á que xa leva achegado preto de 400.000 euros nos últimos anos.