Nova

A Xunta favorece a inclusión de familias en situación de extrema vulnerabilidade que promove o programa Fogar Familia da asociación Ecos do Sur

A Xunta financiou con 150.000 euros a compra dunha vivenda compartida na cidade da Coruña a través das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF


A Coruña, 30 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia favorece a inclusión de familias en situación de extrema vulnerabilidade a través da financiación de programas como Fogar Familia, promovido pola asociación Ecos do Sur, que proporciona o acceso a unha vivenda normalizada e un acompañamento integrado. No acto de presentación do proxecto participou esta mañá o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, que gabou iniciativas coma esta que se desenvolve na cidade da Coruña.

Fogar en Familia ofrece unha vivenda compartida que acolle familias con menores a cargo en situación de extrema vulnerabilidade, especialmente migrantes, ás que garante tamén a cobertura das necesidades de alimentación e un servizo de acompañamento personalizado para acadar a súa inclusión social.

Un modelo, indicou o director xeral, que permite complementar os recursos habitacionais colectivos xa existentes en Galicia ao crear un fogar alternativo de poucas prazas que fomenta a autonomía das persoas residentes. O proxecto, apuntou Arturo Parrado, recibiu o apoio da Xunta a través da convocatoria de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF de 2025, cun total de 150.000 euros.

Neste sentido, lembrou que xa está aberta a convocatoria deste ano. Grazas a estas axudas a Xunta financia programas e investimentos clave das entidades sociais.