Nova

A Xunta considera insuficiente a reforma do financiamento da dependencia e reclama ao Goberno central o abono dos 3.000 M€ de débeda acumulada

Denuncia a “falta de garantías” da modificación impulsada polo Executivo central e reclama que se regule na lei de dependencia a estabilidade do sistema, financiando o 50% do custo real da dependencia, como xa asinou co País Vasco

Asegura que pese ao anuncio realizado polo ministerio, a achega estatal non acadará o 40% do financiamento

Destaca que o Goberno central aborda as homologacións de discapacidade e dependencia de xeito incompleto, excluíndo os beneficios fiscais


Madrid, 29 de xuño do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asegurou esta mañá que a reforma do financiamento do sistema de atención á dependencia impulsada polo Goberno central “é insuficiente” e non chegará a cubrir o 40% dos custos, quedando lonxe do 50% disposto por lei. Explicou, ademais, que isto “o que provocará é un aumento da débeda con Galicia”, que xa supera os 3.000M€ e da que esixiu ao Executivo central o seu pago á comunidade galega.

Durante o Pleno do Consello Territorial de Servizos Sociais e Dependencia, Fabiola García denunciou a “falta de garantías” da modificación impulsada polo Executivo central e reclamou que se regule na lei de dependencia a estabilidade do sistema, financiando o 50 % do custo real da dependencia, como xa asinou co País Vasco.

Na súa intervención, a conselleira fixo fincapé en que, pese á reforma, “o financiamento non acadará en ningún momento” o 50% disposto por lei. E, neste sentido, lembrou que a achega do Goberno central a Galicia foise reducindo progresivamente, pasando dun 34% no 2024 a un 32% no 2025, elevando a débeda acumulada a máis de 3.000 M€.

Fabiola García tamén solicitou que se adapte o financiamento do sistema de dependencia á realidade territorial de Galicia, dándolle máis peso á dispersión e ao envellecemento da poboación. E esixiu, ademais, que “se lle dea a Galicia o mesmo trato que ao País Vasco”, unha comunidade coa que o Executivo central xa ten asinado o compromiso de asumir o 50% do custo real da dependencia.

Homologacións discapacidade

Por último, a conselleira denunciou que o Goberno central aborda as homologacións de discapacidade e dependencia de xeito incompleto, excluíndo os beneficios fiscais do grao de discapacidade recoñecido mediante homologación. Sobre esta cuestión, puxo de exemplo a medida implantada por Galicia en 2025, e que foi recorrida ante o Tribunal Constitucional, e destacou que a homologación dos graos de dependencia e discapacidade “debe producir efectos plenos e non restar dereitos”.

Así, engadiu que “excluír o recoñecemento a efectos tributarios supón unha limitación dos dereitos implícitos ao recoñecemento e, na práctica, impediría que a discapacidade sexa recoñecida de forma plena.