Nova

A Xunta promove espazos de conciliación para as familias nos grandes campionatos da World Surf League

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, destacou a importancia de facilitar a compaxinación da vida persoal e laboral en todos os eidos sociais 


Ferrol (A Coruña), 28 de xuño do 2026

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou esta mañá na contorna da praia de Esmelle,  Ferrol, o espazo de conciliación familiar que promove a Xunta para todas as familias e que estará presente nos grandes campionatos da World Surf League.

A visita da directora xeral coincide coa entrega de premios da modalidade Longboard deste primeiro campionato. Son catro os eventos deportivos internacionais desta liga que desenvolverán na comunidade: o Gadis Surf Festival, Gadis Surf Festival Ferrol na praia de Esmelle; o Abanca Pantin Classic Galicia Pro na praia de Pantín, Valdoviño; e o Edommo Pro Razo na praia de Razo, Carballo. En todos eles, a Xunta instalará un espazo destinado a facilitar a conciliación das familias, tanto dos deportistas, como dos espectadores.

Neste sentido, Eloína Ingerto destacou a importancia de que eventos coma estes sexan un espazo de promoción da igualdade, da corresponsabilidade e da conciliación. Así, recalcou que promover estes espazos en todos os ámbitos é unha maneira de facilitar a vida persoal e laboral, ao tempo que pon de manifesto o compromiso da Xunta coa corresponsabilidade, que é a base para seguir avanzando en igualdade.