Nova
Rueda pon en valor a colaboración da Xunta coas entidades sociais na prevención das condutas adictivas
Mantivo unha reunión coa Asociación Érguete para a Axuda á Drogodependencia
Vigo, 27 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor a importancia da colaboración da Xunta coas entidades sociais na prevención das condutas adictivas.
Durante unha reunión mantida coa Asociación Érguete para a Axuda á Drogodependencia, na que estivo acompañado da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o titular do Executivo galego encomiou o labor realizado pola entidade ao longo dos seus máis de 40 anos de historia a prol da inclusión social e do acompañamento ás familias dos afectados. Neste sentido, o presidente salientou que o ano pasado Érguete atendeu a case 7.500 persoas.
A Xunta vén desenvolvendo nos últimos anos diversos programas coa asociación co fin de fomentar a atención, a formación e a integración social das persoas con condutas adictivas ou drogodependentes.