Nova

Os usuarios do centro sociocomunitario de Corcubión da Xunta celebran a súa festa anual

Na celebración presentouse unha mostra dos traballos realizados ao longo do ano e unha reportaxe fotográfica sobre as máis de tres décadas de historia deste recurso


Corcubión (A Coruña), 28 de xuño de 2026

O centro sociocomunitario de Corcubión, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade, celebrou esta semana a festa anual que pon fin a tempada de actividades, antes das vacacións de verán.

Na tarde do 25 de xuño reuniuse un gran número de usuarios que gozou dunha mostra dos traballos máis significativos realizados ao longo do ano, e tamén da reportaxe fotográfica sobre o seu funcionamento ao longo de 36 anos, que son os mesmos que leva á fronte do centro a súa actual directora, Ana Varela-Portas.

Cada día, usuarios de diversas idades reúnense neste centro para charlar, ler a prensa ou ver a televisión. Entre as actividades organizadas destacan ximnasia, baile, manualidades, pintura, informática e xadrez, ademais de iniciativas puntuais de costura e calceta.