Nova

Belén do Campo pon en valor o labor da asociación Agarimo no seu 50 aniversario como referente en educación, inclusión e formación para o emprego da mocidade

A Asociación Agarimo desenvolve na actualidade unha ampla actividade que combina educación regrada, formación profesional, orientación laboral e colaboración co tecido empresarial


Arteixo (A Coruña), 26 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e varios concelleros, participou hoxe no acto institucional con motivo do 50 aniversario da Asociación Agarimo, unha xornada celebrada nas instalacións da entidade en Arteixo e que serviu para recoñecer a traxectoria dun proxecto consolidado como referente no ámbito educativo, social e formativo.

Durante a súa intervención, a representante do Goberno autonómico destacou que a historia de Agarimo “non se entende só polos anos transcorridos, senón polas persoas que pasaron pola entidade e polos procesos vitais e formativos que nela se desenvolveron ao longo de medio século”.

A representante da Xunta puxo en valor a traxectoria da asociación desde a súa creación, impulsada polo Padre Villa coa Cidade dos Muchachos Agarimo, cunha vocación socioeducativa e cultural centrada na mocidade e na inclusión. Subliñou que, 50 anos despois, Agarimo mantén viva esa esencia inicial, adaptada ás novas necesidades sociais e educativas.

Un modelo educativo e formativo centrado na persoa

A asociación Agarimo desenvolve na actualidade unha ampla actividade que combina educación regrada, formación profesional, orientación laboral e colaboración co tecido empresarial. Desde o CPR Agarimo, centro privado concertado dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, ofrécese Formación Profesional Básica en Cociña e Restauración, Carpintería e Moble, e Agroxardinería e Composicións Florais, ademais de aulas específicas de Educación Especial.

Neste sentido, a delegada territorial destacou o papel da Xunta de Galicia na consolidación deste modelo educativo, subliñando que a colaboración institucional “permite ofrecer respostas formativas adaptadas á diversidade do alumnado e garantir unha educación máis inclusiva e próxima”.

Engadiu que esta cooperación se traduce nunha aposta pola Formación Profesional como vía de inserción laboral e de mellora das oportunidades, especialmente para mozos e mozas que precisan itinerarios máis personalizados.

Formación para o emprego e inserción laboral

A Xunta de Galicia tamén colabora co desenvolvemento da actividade de Agarimo no ámbito da formación para o emprego. Desde 2015, a entidade está acreditada como centro de formación profesional para o emprego e impulsa cada ano un Programa Integrado de Emprego, que conta co  apoio do Goberno galego, dando cobertura aos concellos de Arteixo, Sada, Coruña, Bergondo, Oleiros, Betanzos, Cambre y Culleredo.

Este programa permite desenvolver itinerarios personalizados de orientación, formación e capacitación para persoas desempregadas ou con dificultades de acceso ao mercado laboral. O obxectivo é mellorar a empregabilidade, reforzar as competencias profesionais e facilitar a inserción laboral a través dun acompañamento continuo.

A delegada territorial salientou tamén a importancia da colaboración co tecido empresarial da contorna que contribúen a adaptar a formación ás necesidades reais do mercado de traballo.

Medio século de compromiso coa inclusión

A delegada territorial subliñou que o 50 aniversario de Agarimo é unha oportunidade para poñer en valor o traballo realizado, pero tamén para mirar cara ao futuro. “Hai mozos e mozas que precisan respostas educativas distintas, persoas que buscan unha segunda oportunidade laboral e familias que requiren apoio. Agarimo leva medio século demostrando que é posible dar resposta a estas realidades”, sinalou.

Neste sentido, reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir apoiando proxectos como o de Agarimo, que contribúen á inclusión social, á formación e á inserción laboral, situando sempre á persoa no centro das políticas públicas.

O acto conmemorativo, incluíu Cunha actuación do alumnado, a proxección dun vídeo conmemorativo, ademais dunha visita as súas instalacións. A xornada serviu para recoñecer a traxectoria dunha entidade que, ao longo de cinco décadas, ten contribuído de maneira decisiva á educación, á formación e ao acompañamento de centos de persoas, consolidándose como un proxecto de referencia en Galicia.