Nova

A Xunta ten aberto o prazo para que as entidades sociais se acollan as axudas do IRPF para financiar programas e investimentos

O orzamento inicial é de 35,5 M€ e se prevé que e o seu montante definitivo supere os 42 M€, o que supón un incremento de case o 20% con respecto ao ano pasado

Estes fondos financian accións de carácter social nos ámbitos da familia e a infancia, da inclusión social, da atención á dependencia e á discapacidade, da promoción da igualdade e da loita contra a violencia de xénero


Santiago de Compostela, 27 de xuño do 2026

A Xunta ten aberto o prazo para que as entidades de iniciativa social se acollan á nova convocatoria de axudas para a realización de programas que atenden a fins de carácter social. O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado xoves, día 25, recolle a orde pola quen se regula a concesión desta achegas para este ano 2026.

O orzamento inicial desta convocatoria é de 35,5 millóns de euros, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e do Imposto de Sociedades. Prevese que unha vez que o Goberno central formalice a asignación da contía definitiva que lle corresponde a Galicia, o montante total desta orde que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade suba ata os 42,4 millóns de euros, un 19,5% máis que o ano anterior.

Esta liña de achegas está dirixida a entidades que traballan no ámbito das políticas sociais e a igualdade. É dicir, que desenvolven actuacións destinadas ao apoio da familia e da infancia, así como á dinamización demográfica; á atención  de persoas maiores e con discapacidade; á inclusión social; á promoción da igualdade entre mulleres e homes e á prevención da violencia de xénero e o apoio ás vítimas. A través destas axudas tamén se poden financiar investimentos en equipamentos, obras de adaptación e rehabilitación de centros e unidades de atención ou a adquisición de vehículos adaptados.

Anticipo do 100%

As entidades interesadas teñen un mes de prazo para solicitar as axudas, contado a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Deberán facelo obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O  pagamento das axudas efectuarase cun anticipo do 100%, e a execución dos programas realizarase durante 2027.

No que respecta ás axudas concedidas coas anteriores convocatorias, obsérvase un notable incremento. Concretamente, o ano pasado financiáronse 773 programas e proxectos impulsados por 167 entidades, o que supón 29 iniciativas e doce entidades máis que no 2024. Estas cifras supoñen continuar coa tendencia crecente iniciada desde a primeira convocatoria xestionada pola Xunta, que foi a do exercicio 2017 e na cal se financiaron 201 programas a 55 entidades.