Nova

Galicia consolida o cambio de tendencia da natalidade, co incremento dos nacementos por primeira vez en 17 anos

Os datos revelan que o ano pasado rexistráronse na comunidade galega 13.556 nacementos, un 1,54% máis que en 2024

A conselleira pon en valor que as medidas da Xunta de apoio ás familias están a dar resultado, principalmente a gratuidade das escolas infantís


Santiago de Compostela, 26 de xuño do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá os últimos datos demográficos do Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondentes ao ano 2025, que revelan un cambio de tendencia na natalidade en Galicia. Deste xeito, destacou que os nacementos medran por primeira vez en 17 anos, rexistrándose o ano pasado 13.556, un 1,54% máis que en 2024.

Fabiola García manifestou que estes datos apuntan á estabilización dos nacementos e constatan que Galicia está conseguindo reverter as proxeccións demográficas catastróficas de hai unha década, con 157.000 galegos máis dos previstos polo INE. Isto demostra, segundo destacou, que as medidas de apoio ás familias postas en marcha pola Xunta están a dar resultado, tales como: a gratuidade total das escolas infantís, as casas niño no rural, o Bono Concilia Familia ou a Tarxeta Benvida.

Por último, a conselleira de Política Social e Igualdade asegurou que a Xunta “seguirá traballando para consolidar a Galicia Calidade que todos queremos, facendo cada vez máis da nosa comunidade unha terra de oportunidades e o mellor lugar para formar unha familia”.