Nova
Fabiola García esixe ao Goberno central diálogo coa Xunta, co sector das escolas infantís e financiamento
A conselleira insiste en que o futuro decreto “pon en perigo o modelo de gratuidade pioneiro posto en marcha por Galicia” debido aos seus posibles efectos negativos, principalmente en canto ao incremento de custos e perda de prazas
Incidiu en que “estamos ante un intento do Goberno central de boicotear a gratuidade da educación infantil á que el non achegou nin un euro”
Santiago de Compostela, 26 de xuño do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión con representantes das escolas infantís de Galicia para abordar o impacto do anuncio do Goberno central sobre a modificación das ratios da etapa educativa 0-3.
Tras o encontro, a conselleira explicou que o obxectivo era “sentar a escoitar ao sector, as súas preocupacións e demandas” e avanzou que ambas partes esixen ao Goberno central “máis diálogo e menos imposición”. Ademais, fixo fincapé na necesidade de que o Executivo central achegue financiamento, así lembrou que, ata o momento, a Xunta asume con fondos propios a gratuidade e sen achegas do Goberno central, “pese ás reiteradas promesas de financiar esta etapa educativa”.
Fabiola García insistiu en que o futuro decreto “pon en perigo o modelo de gratuidade pioneiro posto en marcha por Galicia” debido aos seus posibles efectos negativos, principalmente en canto ao incremento de custos e perda de prazas. De feito, lembrou que o sector di que “se poñen en risco na comunidade galega máis de 20.000 prazas”.
A conselleira de Política Social e Igualdade asegurou que a intención da Xunta é manter un modelo de gratuidade das escolas infantís que ten conseguido que Galicia sexa líder en escolarización. Con todo, lembrou que, desde o primeiro momento, é a Xunta a que sostén este sistema “única e exclusivamente con fondos propios”. “Polo que estamos ante un intento do Goberno central de boicotear a gratuidade da educación infantil que ten Galicia e á que el non achegou nin un euro”, concluíu.