Nova
Villares valora co alcalde do Corgo os apoios da Xunta para a mellora de dotacións e servizos no municipio
O delegado territorial de Lugo destacou, entre outros, o obradoiro dual de emprego iniciado recentemente ou a licitación en curso para o reforzo do firme dun tramo da estrada LU-546
O Corgo (Lugo), 23 de xuño de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, mantivo hoxe unha reunión institucional co alcalde do Corgo na que valoraron a colaboración da Xunta na mellora de dotacións e servizos do municipio.
Entre os proxectos en marcha, o delegado destacou o obradoiro dual de emprego Ponte de Areas VIII, iniciado hai uns días e promovido polo concello do Corgo xunto cos de Guntín e O Páramo. Finánciase cunha achega de 454.552 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e durante nove meses formará a 20 persoas desempregadas na especialidade de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.
Ao tempo que reciben ensinanza teórica e práctica, os participantes adquiren experiencia laboral realizando un traballo remunerado e actuando en bens e servizos públicos. No caso do Corgo, acondicionarán o entorno da antiga escola de Franqueán, construirán beirarrúas en San Xoán do Corgo e habilitarán unha área de estacionamento para autocaravanas.
Villares tamén fixo referencia á próxima adxudicación das obras de reforzo do firme en 7,4 quilómetros da LU-546 (Nadela- Monforte de Lemos), ás que se destina un investimento de 773.700 euros; entre os treitos nos que se actuarán figuran case 2 quilómetros no municipio do Corgo, entre os puntos quilométricos 10 e 11,960.
En materia social, sinalou que a Xunta destina ao Servizo de Axuda no Fogar no Corgo 343.214 euros, sufraga un centenar de bonos Coidado no Fogar que suman 495.000 euros e tamén a Casa Niño, e contribúe ao mantemento do Punto de Atención á Infancia.
Igualmente, subliñou os máis de 88.000 euros destinados á mellora de camiños rurais o pasado ano, os 299.800 euros do Fondo de Cooperación Local ou os apoios para a contratación de tres traballadores a través do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, cun orzamento de 58.800 euros.