Nova

A Xunta presenta ao CAIA a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas

O Goberno galego agradeceu as propostas construtivas presentadas polos membros deste Consello de cara a mellorar a situación da infancia e da adolescencia


Santiago de Compostela, 23 de xuño do 2026

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e a subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, presentaron esta mañá no Pleno do Consello Autonómico da Infancia e da Adolescencia a nova Lei galega de Protección da Saúde das Persoas Menores e Prevención das Condutas Adictivas.

Neste sentido, Sagrario Pérez salientou que a nova Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas "supón un avance sen precedentes no panorama estatal", ao establecer un modelo de protección baseado non só na resposta ante o consumo problemático, senón ao incidir, tamén, na prevención anticipada, na creación de contornos seguros e na limitación da exposición temperá a produtos, hábitos e estímulos que poden derivar en condutas adictivas.

Deste xeito, abundou a responsable sanitaria, “Galicia dá un paso histórico ao converterse no primeiro territorio de España en dotarse dunha lei específica que entende a prevención das adiccións en menores como unha responsabilidade colectiva e como unha prioridade estratéxica de país”.

Ao remate do Pleno, Jacobo Rey trasladou o agradecemento do Goberno galego aos membros do Caia polas súas propostas sempre construtivas de cara a mellorar, dixo, a situación da infancia e da adolescencia. Do mesmo xeito, reivindicou o compromiso da Xunta coa escoita e a participación activa dos máis novos na vida pública.