Nova

A Xunta destaca os beneficios do deporte adaptado para as persoas con discapacidade na visita aos participantes do programa Amar o mar en Baiona

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, celebrou a oportunidade de máis dun centenar de usuarios de participar nesta actividade de ocio, inclusión e saúde desenvolvida polo Monte Real Club de Iates


Baiona (Pontevedra), 23 de xuño de 2026

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, recibiu esta mañá nas instalacións do Monte Real Club de Iates de Baiona a usuarios e monitores do programa Amar o mar e resaltou os beneficios do deporte adaptado para as persoas con discapacidade.

A directora xeral celebrou a oportunidade dos participantes de ter un primeiro contacto co mar nun entorno adecuado ás súas necesidades e destacou que esta actividade favorece a súa autonomía persoal e o seu contacto social, ademais de resultar beneficiosa para a súa saúde.

Máis dun centenar de usuarios do programa Amar o mar, procedentes dos centros de atención á discapacidade (CAPD) de A Coruña, Sarria e Redondela realizaron entre onte e hoxe excursións ás illas Cíes. Unhas xornadas de ocio, inclusión, deporte e saúde, resumiu Begoña Abeijón.