Nova
A Xunta destaca a formación sénior como piar fundamental do envellecemento activo
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, lembrou que o Goberno galego incrementou este ano a súa achega á entidade que presta servizo en toda a xeografía galega
Lalín (Pontevedra), 22 de xuño do 2026
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu esta tarde á clausura do curso das aulas sénior da Asociación cultural galega de formación permanente en adultos (Ategal) que se celebrou en Lalín. Neste sentido, explicou que o seu labor é fundamental no modelo de coidados galego, xa que a formación sénior é imprescindible para o envellecemento activo e saudable.
Antón Acevedo tamén lembrou que este mesmo ano a Xunta incrementou a súa achega a esta entidade ata os 210.000 euros para desenvolver iniciativas de formación en toda a xeografía galega. Deste xeito, explicou que ademais da difusión do coñecemento entre os maiores, Ategal organiza actividades de convivencia esenciais para fomentar a súa participación social e activa diariamente.
Así mesmo, o director xeral trasladou ao alumnado os parabéns do Executivo galego polo seu esforzo e empeño, demostrando que a idade non é unha barreira para seguir formándose e tendo unha vida plena.