Nova

Manuel Pardo subliña os máis de 125.000€ que a Xunta destina ao fomento do asociacionismo e a participación das mulleres na provincia de Ourense

O delegado informou en ambas visitas, que a Consellería de Política Social e Igualdade, ten aberto o prazo dunha nova convocatoria destas achegas ata o vindeiro 29 de xuño que ,dotada con preto de 345.000 euros, busca fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres ourensás

Manuel Pardo destacou que esta orde ten como obxectivo contribuír a impulsar e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades

Nesta medida establécense dúas liñas de axuda, unha dirixida ao financiamento dos gastos correntes de mantemento e funcionamento das asociacións e federacións de mulleres e outra para a promoción de actuacións ou actividades en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas


Ourense, 22 de xuño de 2026

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Rodrigo Aparicio, a sede da Asociación de mulleres rurais da Arnoia, unha das 42 entidades da provincia de Ourense beneficiadas na convocatoria do ano 2025 das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, na que a Consellería de Política Social e Igualdade, destinou máis de 125.000 euros, co fin de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres ourensás.

O delegado territorial informou que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova orde destas achegas ata o vindeiro 29 de xuño que ,dotada con preto de 345.000 euros, busca contribuír a impulsar e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades, e promover, fortalecer, consolidar e dinamizar o movemento asociativo feminino como elemento clave para avanzar na igualdade real e efectiva por razón de xénero.

Manuel Pardo explicou que nesta medida establécense dúas liñas de axuda, unha dirixida ao financiamento dos gastos correntes de mantemento e funcionamento das asociacións e federacións de mulleres e outra para a promoción de actuacións ou actividades en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade.

No que se refire a intensidade das axudas, o representante do Goberno galego indicou que para a primeira das liñas, cunha dotación de 180.000 euros, a contía máxima por solicitude é de 5.000 euros.; mentres que a segunda liña, enmarcada no desenvolvemento en Galicia das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que dispón dun orzamento de máis de 160.000 euros, o importe máximo por solicitude aprobada é de 6.000 euros.

Para concluír, o delegado territorial lembrou que poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións e federacións de mulleres sen ánimo de lucro, que estean domiciliadas en Galicia e que teñan coma fin promover a igualdade entre homes e mulleres, ademais da participación destas na vida política, económica, cultural e social; entre outros requisitos.