Nova

A Xunta define a Lei de Violencia Dixital como garante da protección e da recuperación das vítimas de ciberacoso ou difusión de material sexual

A norma galega, que se prevé que estea aprobada antes de final de ano, é pioneira en Europa

Galicia é a primeira comunidade en formar en violencia de xénero dixital ao persoal técnico que traballa coas vítimas


A Coruña, 22 de xuño de 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, inaugurou esta mañá as xornadas de formación en violencia dixital organizadas polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. Un foro no que definiu a Lei galega de violencia e acoso dixital como garante da protección ante o ciberacoso ou a difusión non consentida de material sexual, así como medio para contribuír á recuperación das vítimas destas situacións.

A norma, que se prevé que estea aprobada antes de finais deste mesmo ano, é pioneira en Europa e xurde polo compromiso da Xunta de dar resposta aos novos desafíos en materia de loita contra a violencia de xénero derivados da globalización do uso de internet e das redes sociais.

No marco desta futura lei, lembrou o director xeral, Galicia é a primeira comunidade de España en formar en violencia de xénero dixital a todo o persoal técnico que traballa directamente coas vítimas. Estas, pola súa parte, teñen a súa disposición un servizo de asesoramento gratuíto, un espazo virtual de información. A norma inclúe ademais o borrado da pegada dixital ou o desenvolvemento de programas de intervención psicopedagóxica para as condutas aditivas na rede.

A circunstancia de que o Consello Xeral do Poder Xudicial celebre en Galicia estas xornadas sobre violencia dixital, rematou Roberto Barba, é a confirmación de que a comunidade está á vangarda na loita contra este fenómeno.