Nova

Fabiola García destaca o investimento de máis de 130.000 euros en reformas na residencia pública autonómica Porta do Camiño

A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que as obras permiten mellorar a confortabilidade dos usuarios e os traballadores


Santiago de Compostela, 20 de xuño do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou a residencia de maiores pública autonómica Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, para ver as últimas actuacións realizadas neste centro  e que supuxeron un investimento de máis de 130.000 euros por parte da Xunta de Galicia. O obxectivo, tal e como recalcou a conselleira, é mellorar a confortabilidade tanto para os maiores como para o persoal.

Desde o ano 2025, o Goberno galego vén desenvolvendo diferentes obras de mellora nesta residencia para ofrecer, segundo recalcou a conselleira, as mellores instalacións para todos os usuarios, ao tempo que lembrou que, “estes centros son o seu fogar”. Entre as últimas obras destacan, dixo, o forrado das paredes, a substitución das portas ou a mellora da terraza.

Ademais, Fabiola García defendeu a aposta da Xunta para impulsar un modelo de coidados baseado na liberdade e que “poidan escoller onde e como queren vivir esta etapa das súas vidas” e para iso o Goberno galego pon a súa disposición todos os recursos necesarios.