Nova
Fabiola García entrega á Casa de Marcelo o distintivo que o acredita como establecemento adherido ao Carné +65
A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que preto de 1.000 negocios galegos sumáronse xa a esta iniciativa pioneira que ofrece beneficios ás persoas maiores galegas
Padrón (A Coruña), 23 de maio de 2026.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o aloxamento rural Casa de Marcelo, en Padrón, para entregar o selo distintivo que acredita este establecemento como adherido ao programa pioneiro Carné +65. Esta iniciativa da Xunta busca seguir fomentando o envellecemento activo entre os maiores para desfrutar dunha nova etapa das súas vidas sen renunciar a nada.
A conselleira lembrou que a través do Carné +65 os usuarios poden beneficiarse de descontos e promocións en servizos de saúde e benestar, óptica, comercios de moda, ocio ou lecer. Nestes momentos, son xa son preto de 1.000 os establecementos adheridos en toda Galicia e nos que se pode facer uso desta tarxeta. En concreto, recalcou que nesta casa rural os maiores que presenten esta tarxeta poderán contar cun 15% de desconto.
Ademais, explicou que a Xunta envía automaticamente o Carné +65 aos maiores sen necesidade de que o soliciten, unha vez que o reciban no seu domicilio poden empregalo nos establecementos adheridos presentando este documento. Ademais, tamén está dispoñible a páxina web da iniciativa, na que se pode consultar toda a información.