Nova
A Xunta dota ao centro de día público de Muros dun novo sistema de climatización
Destináronse máis de 48.000 euros a esta actuación, que forma parte dun plan de melloras en equipamentos para maiores que dependen da rede autonómica
Muros e Outes (A Coruña), 19 de xuño do 2026
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o centro de día para persoas maiores da Xunta en Muros, que conta dende a semana pasada cunha nova instalación de climatización.
O ente autonómico destinou máis de 48.000 euros a mellorar o sistema de climatización do equipamento, en concreto das salas polivalentes, do comedor e da cociña. Con esta actuación, tanto o persoal como os usuarios gañan en comodidade, sobre todo, nos meses de verán cando as temperaturas son máis elevadas.
O Executivo autonómico financiou esta actuación con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). Ademais, forma parte dun plan de melloras dos centros de maiores do Consorcio que se está levando a cabo este ano, cun investimento total de 1,7 millóns de euros.
Nova actuación no centro de maiores de Outes
Perfecto Rodríguez tamén visitou o centro de día de Outes, pertencente á rede pública autonómica. Acompañado do alcalde do concello, Francisco Calo, o xerente do Consorcio anunciou a firma dun convenio de colaboración para a realización de obras de mellora neste centro que se executarán este mesmo verán.
O Consorcio destinará outros 48.000 euros no pintado interior das instalacións, na instalación de novos pavimentos, a renovación das proteccións na escaleira interior e un novo revestimento nunha parte da fachada. O Concello será o encargado de contratar e de facer o seguimento das obras.
Estes traballos súmanse a outra actuación de melloras que se fixeron no centro o ano pasado por importe de 20.000 euros, a través doutro convenio entre a Administración autonómica e a local.