Nova

A Xunta destaca a importancia do traballo conxunto de todas as administracións e institucións para construír unha Galicia máis igualitaria

Fabiola García salientou a colaboración entre o Goberno galego e a universidade para mellorar a inserción laboral feminina e loitar contra a violencia de xénero  


Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na entrega dos VI Premios Valedora do Pobo a traballos de fin de grao e fin de mestrado en materia de igualdade, onde avogou polo traballo conxunto de todas as administracións e institucións para construír unha Galicia máis igualitaria. 

Na súa intervención, a conselleira celebrou que galardóns coma estes da Valedoría do Pobo dean voz a mulleres referentes; como é o caso de María Maneiro, que ofreceu a continuación unha exposición sobre as batallas a prol da igualdade que ten que librar unha muller con discapacidade.

Fabiola García tamén destacou a condición da universidade como “clave para a transformación social” e a estreita colaboración da Xunta de Galicia para impulsar iniciativas e programas que melloren a inserción laboral, dean visibilidade a referentes femininos e preveñan e detecten a violencia de xénero entre a mocidade. 

Neste último aspecto, resaltou o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) móbiles que, ademais de atender as galegas no rural, prestan servizo nos campus universitarios. Un recurso de prevención, sensibilización e detección contra a violencia machista que o Goberno galego considera esencial para acadar a plena igualdade. 

Un camiño, concluíu a conselleira, no que agradeceu a súa participación ás investigadoras premiadas, as que considerou un exemplo de “mocidade galega comprometida coa igualdade”. Así, lembrou o papel relevante que ten a investigación universitaria, ao contribuír a elaborar políticas públicas “para seguir construíndo un futuro sen barreiras de xénero”.