Nova

A Xunta organiza polo Arde Lucus unha xornada de convivencia con 130 usuarios de residencias de maiores de Lugo e Ourense

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, acompañounos na visita ao campamento da asociación de recreación histórica Caetra Lucensium


Lugo, 19 de xuño de 2026

A Consellería de Política Social e Igualdade organiza con motivo do Arde Lucus unha xornada de convivencia na que participan 130 usuarios de residencias de maiores da Xunta das provincias de Lugo e Ourense.

O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, acompañounos durante a visita ao campamento da asociación de recreación histórica Caetra Lucensium, onde destacou que este tipo de iniciativas “fortalecen as relacións sociais e contribúen a un envellecemento activo e saudable,  mellorando a calidade de vida das persoas maiores”.

Villares tamén gabou as medidas que aplica a citada asociación coa colaboración da Xunta para que a festa sexa “máis accesible e inclusiva”, con paneis informativos en braille e vídeos que incorporan lingua de signos. 

Os maiores que hoxe participan da xornada interxeracional de convivencia proceden das residencias públicas das Gándaras e A Milagrosa, en Lugo, así como de Burela, Monforte de Lemos, O Carballiño e Barbadás.

Dedicaron a mañá a desfrutar do ambiente e os espectáculos polo centro histórico e celebraron un xantar no Complexo Residencial Xuvenil Lug I, onde pola tarde participarán nunha actividade para compartir experiencias con distintas xeracións.