Nova

Belén do Campo supervisa a posta a punto dos albergues xuvenís de Gandarío e Mariña Española ante o inicio da campaña de verán o 1 de xullo, que ofertarán preto de 1.700 prazas

A delegada lembrou que estas actividades forman parte da campaña Modo Verán Activo, que alcanza este ano as 11.932 prazas en todas as súas modalidades, cun investimento de 5,5 millóns de euros das cales 3.745 son na provincia da Coruña


Bergondo/Sada (A Coruña), 19 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, visitou esta mañá o Complexo Xuvenil As Mariñas que comprende os albergues de Gandarío, en Bergondo, e de Mariña Española, en Sada, para supervisar a posta a punto das súas instalacións poucos días antes do inicio da campaña de verán, o 1 de xullo, durante a que centos de nenos e nenas poderán desfrutar do seu tempo de lecer a través das actividades organizadas pola Xunta de Galicia.

Durante a visita, a representante do Goberno galego comprobou as melloras realizadas nos dous complexos, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións mellor equipadas, seguras e adaptadas ás necesidades dos participantes.

No Albergue Xuvenil de Gandarío nos pavillóns leváronse a cabo importantes melloras, como a renovación do chan, das portas e das liteiras do pavillón 1, a substitución das portas do pavillón 2, 3 e 4  e o pintado e acondicionamento do pavillón 6.

Ademais, acometéronse diversas actuacións de mantemento e renovación, entre as que destacan a o pintado, do exterior do centro social e do edificio administrativo, así como do comedor, do porche da zona dos pavillóns e dos soportais da galería. Tamén se substituíron as luminarias desta zona e realizáronse labores de poda sanitaria e tala.

En canto ao equipamento, incorporáronse novos electrodomésticos e material de uso diario, entre os que figuran un forno industrial, unha planchadora industrial, un termo eléctrico, un abatidor, un arcón conxelador, unha hidrolimpadora, unha sopladora, así como novo mobiliario, roupa de cama e unha caldeira de gas.

No campamento Mariña Española executáronse actuacións de mantemento e mellora que complementan as obras da piscina realizadas en 2024. Entre elas destacan a substitución das portas de acceso ás salas de estar dos pisos segundo e terceiro, a limpeza da cuberta tras a caída de ramas, labores de poda e tala, o arranxo do peche perimetral e a limpeza da contorna da Batería de Corbeiroa e da zona próxima á piscina. Así mesmo, reforzouse o equipamento coa adquisición dous arcóns conxeladores, un lavalouzas e un forno industrial.

Campaña Modo Verán Activo

Belén do Campo referiuse tamén á oferta que acollerán ambas instalacións durante os próximos meses. No caso do Albergue Xuvenil de Gandarío desenvolveranse os campamentos Actividades no mar (5 quendas – 630 prazas) en turnos de 10 días.

As propostas do eido tecnolóxico Creando o meu videoxogo,(1 quenda - 20 prazas) A vista de paxaro: primeiros pasos con drons (1 quenda – 20 prazas) e Adestrando ao meu robot (1 quenda – 20 prazas) ofertánse en turnos de 7 días. Ademais dun turno específico para persoas con discapacidade (6 quendas – 105 prazas) en turnos de 10 días. En total, este recinto ofertará 795 prazas.

Pola súa banda, o campamento Mariña Española acollerá a actividade Aventura nas Mariñas, con  6 quendas, en total 600 prazas, en quendas de 7 días, máis 300 prazas en 3 quendas de cesión de usos das instalacións por entidades xuvenís para desenvolver programas de lecer educativo e de tempo libre durante a campaña de verán 2026, dous dos cales xa se celebraron quedando pendente prazas dispoñibles do 1 ao 10 de outubro.

En conxunto, entre ambas instalacións ofreceranse preto de 1.700 prazas.

A delegada lembrou que estas actividades forman parte da campaña Modo Verán Activo, que alcanza este ano as 11.932 prazas en todas as súas modalidades (campamentos, minicampamentos "Coñece Galicia”, campos de voluntariado, programas de intercambios con otras comunidades autonómas, uso de instalacións por entidade xuvenís e actividades de ocio alternativo para maiores de 18 anos), a cifra máis elevada da súa historia, con 300 máis que na edición anterior e cun investimento de 5,5 millóns de euros.

Concretamente, na provincia da Coruña ofertánse 3.745 prazas, das cales 2.925 son para campamentos para nenos entre 9 e 17 anos, incluíndo as quendas específicas de discapacidade en 11 instalacións coruñesas nos meses de xullo, agosto e setembro.

Ademais, dentro da convocatoria de “Minicampamentos Coñece Galicia”, que se desenvolven en aloxamentos turísticos de toda Galicia, para nenos de entre 9 e 12 años, en quendas de 5 días de luns a venres, a oferta en toda a comunidade é de 876 prazas, que se distribúen en 13 progamas, das cales 160 son na provincia da Coruña con 3 minicampamentos.

Ademais, os Campos de Voluntario tamén reservan en Galicia 665 prazas dos cales 8 organízanse na provincia da Coruña con 120 prazas  para a mocidade de entre 18 e 30 anos.

Finalmente, dentro da cesión de uso de instalacións a entidades xuvenís para desenvolver programas de lecer educativo e de tempo libre durante a campaña de verán 2026 hai 540 prazas en toda a provincia en 3 instalacións coruñesas.

Neste sentido, destacou que “Galicia segue consolidándose como un referente en España pola calidade das súas propostas lúdicas, culturais, deportivas e formativas”.

A representante do Executivo autonómico destacou tamén que “sempre apostamos por unha campaña plenamente integradora e inclusiva, na que todos os nenos e nenas e mozos e mozas poidan participar en igualdade de condicións”, e puxo en valor o traballo coordinado entre as distintas consellerías implicadas na organización desta programación estival.

Finalmente, subliñou que a campaña se desenvolverá en 36 instalacións das catro provincias galegas e contará tamén con actividades en colaboración con outras comunidades autónomas, consolidando unha programación que cada ano esperta un maior interese entre a mocidade galega.