Nova

A Xunta reafirma o seu compromiso para que Galicia se manteña como un referente na atención as vítimas de violencia de xénero

Roberto Barba destacou que o Executivo galego traballa para que este mesmo ano quede aprobada a Lei de violencia e acoso dixital, pioneira en Europa

A Administración autonómica puxo en marcha desde 2024 recursos como centros de crise, axudas económicas, protocolos coas policías locais e CIM móbiles


Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, compareceu esta tarde na Comisión 5ª do Parlamento para facer balance das medidas de actuación da Xunta contra a violencia de xénero. Iniciativas que exemplifican o compromiso do Goberno galego para que Galicia siga sendo un referente na atención as vítimas e na sensibilización ante calquera agresión ou abuso desta natureza.

Tras facer unha radiografía do contexto da violencia sexual, no que Galicia está situada como unha das comunidades con menor taxa de delitos rexistrados, o director xeral lembrou a necesidade de seguir traballando na prevención e na actuación ante este tipo de situacións, con especial atención ás novas formas de violencia machista.

Neste sentido, a violencia dixital ten unha presencia cada vez maior, con motivo da expansión do uso das novas tecnoloxías. Fronte a este fenómeno, o Goberno galego, destacou Roberto Barba, está elaborando a Lei de violencia e acoso dixital, pioneira en Europa. A norma, que se prevé que estea aprobada antes de finais deste mesmo ano, trata de dar unha resposta eficaz ao ciberacoso ou a difusión non consentida de material sexual.

No marco desta futura lei, Galicia é a primeira comunidade de España en formar en violencia de xénero dixital a todo o persoal técnico que traballa directamente coas vítimas. Estas, pola súa parte, teñen a súa disposición unha plataforma de asesoramento e información.

O director xeral fixo, ademais, un repaso polos recursos postos en marcha pola Xunta durante o último ano e medio para fomentar a sensibilización, a prevención e a atención en materia de violencia de xénero. Así, destacou que Galicia foi o primeiro territorio do Estado en ofrecer unha prestación económica periódica anual para todas as vítimas e lembrou, entre outras medidas, a activación dos cinco centros de crise 24 horas, a elaboración dun protocolo específico para combater a violencia machista nas mulleres con discapacidade e doutro con pautas de actuación para as policías locais, o impulso dos Centros de Información á Muller (CIM) móbiles e a creación da primeira rede de empresas na loita contra a violencia de xénero.